Thursday 19 de September de 2024

O Concello de Boqueixón repartirá entre a veciñanza 4.500 máscaras homologadas de tea confeccionadas por dúas empresas do municipio


A entrega comezará a vindeira semana entre adultos e crianzas
O Concello de Boqueixón vén de adquirir 4.500 máscaras de tea sanitariamente homologadas para repartir entre toda a veciñanza. “Dúas empresas do municipio encargáronse da elaboración destas máscaras homologadas como FPP2 e que soportan ata 25 lavados. Ademais de promover o respecto polo medio ambiente, aproveitamos para poñer en valor o noso tecido empresarial”, explica o alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín.
A partires da vindeira semana farase chegar a cada vivenda unha máscara para cada persoa empadroada. Segundo indica o rexedor, “no caso das persoas adultas, entregaranse máscaras de cor branco e negro, mentres que no das crianzas, o deseño conta con distinto tipo de estampados”. Con esta medida, o Concello pretende facilitar á veciñanza a incorporación á nova normalidade.
Máis de 4.000 máscaras hixiénicas
Por outra banda, durante o estado de alarma o Concello de Boqueixón xa entregou máis de 4.000 máscaras hixiénicas entre a veciñanza que as solicitou e tamén materiais de protección a profesionais de servizos esenciais. Estes son Servizos Sociais, atención a domicilio, residencia de maiores, Protección Civil, centro de saúde e tamén estabelecementos que permaneceron abertos durante este periodo.